martes, 13 de abril de 2010

OS NOSOS CAMIÑOS: A VÍA DA PLATA


UNHA VÍA PREHISTÓRICA FEITA CAMIÑO
Procedente de Andalucía e Estremadura, entra en Galicia polas Portelas do Padornelo e da Canda, pasa polo sector setentrional do Val de Monterrei e da Limia até chegar a Ourense. Nesta cidade conflúen esta Vía da Prata e algúns dos camiños portugueses interiores, que chegan a Galicia polos vales da Limia e do Támega. Este camiño coñécese, no treito final, como camiño ourensán.
O percorrido da Vía da Prata está intimamente relacionado coa estrada tradicional de Mérida a Astorga por Salamanca e polas cidades estremeñas, documentada desde a época romana. Porén, na actualidade o concepto de Vía da Prata aplícase de xeito algo confuso ao conxunto do eixo Sevilla-León. Amais da pegada romana, a ruta da Prata representa outros valores históricos: foi empregada polo comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla, tratouse dunha ruta transhumante moi importante e, ademais, foi o itinerario de expansión do reino medieval de Galicia-León cara ao sur, na segunda metade do século XII e na primeira do XIII, en tempos de Fernán II e Afonso IX, cando se creou o concepto moderno da Estremadura leonesa –o estremo ou fronteira do reino.
Desde un punto de vista xacobeo, a Ruta da Prata comezou a recuperar certa importancia nos últimos anos, sobre todo na medida que se sinalizou. Outra opción vindo da Vía da Prata tradicional por Estremadura e Salamanca consiste en, desde Zamora, en troques de virar directamente a Galicia pola Seabra –a denominación tradicional galega da actual Sanabria–, continuar até Benavente e Astorga e alí enlazar co Camiño Francés.

1 comentario:

  1. Abraiante! Paga a pena a espera. Fotografía, vídeo... é vostede un 'crack'

    ResponderEliminar