martes, 13 de abril de 2010

OS NOSOS CAMIÑOS: O CAMIÑO INGLÉS


UN CAMIÑO DIFERENTE PARA OS EUROPEOS MÁIS ATLÁNTICOS
Pola súa situación estratéxica, Ferrol e A Coruña son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. O primeiro itinerario marítimo coñecido, escrito entre 1154 e 1159 polo monxe islandés Nicolás Bergsson, descrebe a viaxe dende Islandia até Dinamarca, e a pé até Roma. Esta ruta marítima seguírona os islandeses e escandinavos que peregrinaron a Santiago.
Durante o S. XIV e o primeiro terzo do XV, os británicos empregaron o barco para viren a Santiago. A súa presenza está abondo probada coas pezas de cerámica e numismática inglesas da época achadas nas escavacións da catedral compostelá.
As ofrendas ao Apóstolo son outra pegada da existencia das peregrinacións marítimas. A máis célebre é o retablo portátil de alabastro doado en 1456 polo clérigo John Goodyear; ou a Cruz de perlas doada polo rei Xacobe IV de Escocia (1475-1513).
Os peregrinos contaron cos hospitais da Orde franciscana do Sancti Spiritus, baixo os auspicios do nobre Fernán Pérez de Andrade, "O Bo". No treito que parte de Ferrol situábanse en Ferrol, Neda, Miño, Paderne e Betanzos. Na ruta que nace na Coruña contaban con hospitais na cidade e cos de Sigrás e O Poulo, a medida que avanzaban. Os arquivos destes hospitais dan noticia de defuncións de ingleses, nórdicos, alemáns, franceses e italianos, un dato máis que amosa a relevancia das peregrinacións por esta ruta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario