martes, 13 de abril de 2010
OS NOSOS CAMIÑOS: O CAMIÑO PORTUGUÉS
UN CAMIÑO PARA OS NOSOS VECIÑOS
A peregrinación xacobea dende Portugal intensifícase a partir da independencia deste país a mediados do século XII, aínda que presumibelmente xa existía na época altomedieval. Dende ese momento o culto xacobeo e a peregrinación a Compostela considerada como un dos sinais de identidade da cultura europea, tiveron en terras lusitanas unha proxección moi importante.
Durante séculos o pobo portugués contribuíu a esta experiencia colectiva con altos niveis de participación, sempre apoiado con singular fortuna co exemplo de reis, nobres e altos clérigos. Abonda con lembrarmos que a maior parte da rede viaria de Portugal foi testemuña, dende o século XII até os nosos días, do camiñar dos peregrinos dende os diversos núcleos de poboación portugueses até a meta compostelá. As motivacións para esa peregrinación eran relixiosas. Pero grazas a este denso e secular fluxo de persoas que poboaron os camiños de Santiago, tamén se estabeleceron entre Portugal e Galiza fecundas canles de intercambio cultural, económico e de pensamento.
O Camiño Portugués en Galiza, no seu suave discorrer cara ao norte, fai uso de camiños antigos que cruzan bosques, terras de labor, aldeas, vilas e cidades históricas. Sendeiros que salvan canles de auga a través de pontes de traza medieval. Camiños enriquecidos pola presenza de capelas, igrexas, conventos, petos de ánimas e cruceiros, nos que non falla a confortadora imaxe de Santiago Peregrino, acompañando ao romeiro.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario