martes, 14 de mayo de 2013
martes, 13 de abril de 2010
OS NOSOS CAMIÑOS: A VÍA DA PLATA
UNHA VÍA PREHISTÓRICA FEITA CAMIÑO
Procedente de Andalucía e Estremadura, entra en Galicia polas Portelas do Padornelo e da Canda, pasa polo sector setentrional do Val de Monterrei e da Limia até chegar a Ourense. Nesta cidade conflúen esta Vía da Prata e algúns dos camiños portugueses interiores, que chegan a Galicia polos vales da Limia e do Támega. Este camiño coñécese, no treito final, como camiño ourensán.
O percorrido da Vía da Prata está intimamente relacionado coa estrada tradicional de Mérida a Astorga por Salamanca e polas cidades estremeñas, documentada desde a época romana. Porén, na actualidade o concepto de Vía da Prata aplícase de xeito algo confuso ao conxunto do eixo Sevilla-León. Amais da pegada romana, a ruta da Prata representa outros valores históricos: foi empregada polo comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla, tratouse dunha ruta transhumante moi importante e, ademais, foi o itinerario de expansión do reino medieval de Galicia-León cara ao sur, na segunda metade do século XII e na primeira do XIII, en tempos de Fernán II e Afonso IX, cando se creou o concepto moderno da Estremadura leonesa –o estremo ou fronteira do reino.
Desde un punto de vista xacobeo, a Ruta da Prata comezou a recuperar certa importancia nos últimos anos, sobre todo na medida que se sinalizou. Outra opción vindo da Vía da Prata tradicional por Estremadura e Salamanca consiste en, desde Zamora, en troques de virar directamente a Galicia pola Seabra –a denominación tradicional galega da actual Sanabria–, continuar até Benavente e Astorga e alí enlazar co Camiño Francés.
OS NOSOS CAMIÑOS: O CAMIÑO PORTUGUÉS
UN CAMIÑO PARA OS NOSOS VECIÑOS
A peregrinación xacobea dende Portugal intensifícase a partir da independencia deste país a mediados do século XII, aínda que presumibelmente xa existía na época altomedieval. Dende ese momento o culto xacobeo e a peregrinación a Compostela considerada como un dos sinais de identidade da cultura europea, tiveron en terras lusitanas unha proxección moi importante.
Durante séculos o pobo portugués contribuíu a esta experiencia colectiva con altos niveis de participación, sempre apoiado con singular fortuna co exemplo de reis, nobres e altos clérigos. Abonda con lembrarmos que a maior parte da rede viaria de Portugal foi testemuña, dende o século XII até os nosos días, do camiñar dos peregrinos dende os diversos núcleos de poboación portugueses até a meta compostelá. As motivacións para esa peregrinación eran relixiosas. Pero grazas a este denso e secular fluxo de persoas que poboaron os camiños de Santiago, tamén se estabeleceron entre Portugal e Galiza fecundas canles de intercambio cultural, económico e de pensamento.
O Camiño Portugués en Galiza, no seu suave discorrer cara ao norte, fai uso de camiños antigos que cruzan bosques, terras de labor, aldeas, vilas e cidades históricas. Sendeiros que salvan canles de auga a través de pontes de traza medieval. Camiños enriquecidos pola presenza de capelas, igrexas, conventos, petos de ánimas e cruceiros, nos que non falla a confortadora imaxe de Santiago Peregrino, acompañando ao romeiro.
OS NOSOS CAMIÑOS: O CAMIÑO INGLÉS
UN CAMIÑO DIFERENTE PARA OS EUROPEOS MÁIS ATLÁNTICOS
Pola súa situación estratéxica, Ferrol e A Coruña son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. O primeiro itinerario marítimo coñecido, escrito entre 1154 e 1159 polo monxe islandés Nicolás Bergsson, descrebe a viaxe dende Islandia até Dinamarca, e a pé até Roma. Esta ruta marítima seguírona os islandeses e escandinavos que peregrinaron a Santiago.
Durante o S. XIV e o primeiro terzo do XV, os británicos empregaron o barco para viren a Santiago. A súa presenza está abondo probada coas pezas de cerámica e numismática inglesas da época achadas nas escavacións da catedral compostelá.
As ofrendas ao Apóstolo son outra pegada da existencia das peregrinacións marítimas. A máis célebre é o retablo portátil de alabastro doado en 1456 polo clérigo John Goodyear; ou a Cruz de perlas doada polo rei Xacobe IV de Escocia (1475-1513).
Os peregrinos contaron cos hospitais da Orde franciscana do Sancti Spiritus, baixo os auspicios do nobre Fernán Pérez de Andrade, "O Bo". No treito que parte de Ferrol situábanse en Ferrol, Neda, Miño, Paderne e Betanzos. Na ruta que nace na Coruña contaban con hospitais na cidade e cos de Sigrás e O Poulo, a medida que avanzaban. Os arquivos destes hospitais dan noticia de defuncións de ingleses, nórdicos, alemáns, franceses e italianos, un dato máis que amosa a relevancia das peregrinacións por esta ruta.
POR FIN SANTIAGO
ORIXE DA CIDADE:
Con anterioridade ó século IX, a cidade de Santiago non existe como tal. Porén, as escavacións arqueolóxicas demostraron que no lugar que hoxe ocupa a cidade histórica, asentábase na Antigüidade unha vía romana que puido alcanzar unha certa importancia e que persistiu ata o século VII, pasando polo reinado dos suevos. Xunto ó recinto amurallado da "civitas" romana eirxiuse, no século I, o mausoleo pagán que máis adiante daría orixe á catedral. Non hai dúbida de que nese mesmo mausoleo recibiron sepultura, nese mesmo século, tras mártires cristiáns, nin do prolongado culto arredor do sepulcro, tal como testemuña o cemiterio cristián circundante que se utilizou ata o século VII.
Nos primeiros anos do século IX sobre o ano 813 o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, por indicación dun eremita chamado Pelagio, examina o mausoleo que recoñece como o do Apóstolo Santiago, baseándose na tradición oral segundo a cal Santiago predicara no Finisterrae hispano. Os discípulos Atanasio e Teodoro trouxeron o corpo do apóstolo, para isto desembarcaron en Iria Flavia e traladárono ata o monte Libredón onde o enterraron nunha arca de pedra, segundo conta a lenda.
O rei asturiano Alfonso II peregrinou desde Oviedo con toda a súa corte recoñecendo o sepulcro como o do Apóstolo que nese mesmo momento foi nomeado Patrón do reino e convertero o lugar no centro dun culto capaz de aglutinar a cristiandade de Occidente. A fundación da cidade dátase no ano 830, tamén se constrúe a primeira igraxa de Santiago, un sinxelo templo que acollia no seu interior un mausoleo da época romana.
Tal foi a orixe desta cidae hoxe convertida nun dos tres principais centros espirituais da cristiandade, e que hoxe acolle a milleiros de peregríns durante todo o ano.
domingo, 11 de abril de 2010
OS NOSOS CAMIÑOS: CAMIÑO FRANCÉS
O camiño que une Saint Jean de Pied de Port con Santiago é o eixe máis importante e popular das peregrinacións xacobeas.
Dende o descubrimento do tombo do Apóstolo no século IX o Camiño de Santiago convertiuse na máis importante rota de peregrinación da Europa Medieval. O pasos dos innumerables pelegríns que, pola súa fe, ían cara a Compstela desde todos os países europeos, sirviu coma punto de partida de todo un desonvolvemento artístico, social e conómico que deixou as súas pegadas ao longo de todo o Camiño. Todo un peregrinar que escolatado por estilos románico, gótico e barroco, entre cabaleiros templarios, da orde de Santiago e monxes benedictinos, entre fragas e prados, entre castiñeiros e carballos, entre lendas e milagres que fan do camiño unha experiencia única e irrepetibel.
OS NOSOS CAMIÑOS: O CAMIÑO DE FISTERRA - MUXÍA
O CAMIÑO NON REMATA EN COMPOSTELA
Este camiño é cada vez máis concurido e cada ano máis peregríns non quedan contentos con rematar os seus pasos na Praza do Obradoiro e fan acopio de forzas saíndo, atraidos polo rumor do mar, cara a Fisterra e Muxía.